O alumnado do Programa para Maiores exercerá de embaixadores e embaixadoras da ciencia ante a cidadanía

Ciencia de Ida e volta
Ciencia de Ida e volta

As charlas están abertas ao público xeral e abordarán temas de actualidade

O Programa para Maiores da Universidade de Vigo, que este ano celebra o seu vixésimo aniversario, conta nas súas aulas cun alumnado que, tras décadas de dedicación profesional, ten coñecementos e experiencia sobre temáticas moi diversas. Para aproveitar todo ese potencial a vindeira semana botará a andar o ciclo Embaixadores/as da ciencia e do coñecemento, unha iniciativa que tratará de achegar o seu saber sobre temas como medicina, xeopolítica, emprendemento, clima ou enerxía a toda a cidadanía.

Esta proposta, que se enmarca dentro do plan anual Ciencia de ida e volta da UCC+i da Universidade de Vigo, financiado pola FECYT–Ministerio de Ciencia e Innovación, comprenderá relatorios de cinco estudantes sénior da Universidade que, acompañados e asesorados por persoal investigador de cada un dos eidos, terán lugar en cafeterías e bares de Vigo, Ourense e Pontevedra. En total serán cinco conferencias “de carácter divulgativo a abertas a toda a cidadanía”, como explica o coordinador do Programa para Maiores, José Luis González Cespón. “A idea é aproveitar a grande experiencia na vida que teñen estes estudantes, os seus coñecementos sobre temáticas ás que, en moitos casos, lles dedicaron toda a súa vida laboral, para reflexionar como eran eses campos cando eles comezaron, como evolucionaron e como semella que poderán ser no futuro”.

Ler a nova completa no DUVI