O papel das universidades no envellecemento activo reúne no campus máis dun centenar de estudantes sénior

Alumnado dos programas para maiores dos sete campus de Galicia

Os universitarios sénior na sociedade do século XXI. Contorna psicosocial para un envellecemento activo é o título das II Xornadas Universitarias Sénior, que este venres reúnen na Facultade de Comunicación máis dun centenar de alumnos e alumnas dos programas universitarios para maiores dos sete campus de Galicia. Organizadas pola Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus), este evento ten como obxectivo reivindicar unha “presenza activa e comprometida das persoas maiores” na sociedade, para o que é preciso “pór en valor a súa capacidade de aprendizaxe”, como destacan desde a organización. O papel que neste eido e no fomento dun envellecemento activo poden xogar ás universidades, á hora tanto de fomentar a aprendizaxe ao longo da vida como de impulsar as relacións interxeracionais, constitúe nese senso o eixo central das conferencias e mesas de debate que se suceden ao longo da xornada.

Da man da asociación de alumnado sénior do campus (Asaexs), este encontro anual dos colectivos integrados na Fegaus desenvólvese por primeira vez en Pontevedra, no edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública, e o seu programa engloba unha serie de mesas de debate sobre envellecemento activo, asociacións de alumnado, beneficios das relacións interxeracionais e futuro dos programas universitarios de maiores.

Ler máis no DUVI.