Inicio do curso de Especialista en electrónica para compoñentes da automoción

O pasado venres 17 de setembro tivo lugar o acto de presentación da nova edición do curso de “Especialista en electrónica para compoñentes da automoción“, que leva xa 4 edicións.
O acto presidírono María José Moure, directora da Escola Aberta de Formación Permanente; Juan Pardo, director da Escola de Enxeñería Industrial, José Fariña, director do curso de especialista; Manuel Ramos, Vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, e Carlos Castaño, Vicepresidente de Enxeñería de BorgWarner Emissions System. E ao que asistiron tanto os novos alumnos que comezaban o programa como os alumnos da última edición que acudiron ao evento para despedir o programa no seu acto de graduación.

Carlos Castaño o Vicepresidente de Enxeñería de BorgWarner Emissions System, destacou a satisfacción de colaborar un ano máis coa Universidade de Vigo: “Desde os inicios da actividade de enxeñería na zona de Vigo colaboramos coa universidade en diferentes ámbitos, e continuar formándonos é crítico, sobre todo nun momento coma este no noso sector”. Destacou a importancia de recoñecer as tendencias e establecer estratexias encamiñadas a evolucionar para poder seguir sendo unha empresa líder. “Temos xente moi boa, un equipo humano do que estamos orgullosos, unha cultura, e uns valores como base, e querémola dotar de ferramentas que permitan afrontar eses desafíos. Isto é crítico, e a colaboración coa universidade é importantísima”.

Todos os asistentes destacaron a importancia e valor da colaboración da universidade coas empresas, para avanzar cara o futuro e prepararse de cara a novas oportunidades.

Juan Pardo, director da Escola de Enxeñería Industrial, destacou que esta nova edición é unha gran noticia e da importancia da colaboración coas empresas, destacando o labor da Escola Aberta de Formación Permanente, que abre novos escenarios e a posibilidade de novas colaboracións no futuro, onde é moi importante escoitar as necesidades das empresas da contorna para dar unha resposta áxil e inmediata.

Nun mundo tan cambiante, María José Moure, directora da Escola Aberta de Formación Permanente, falou da importancia da formación ao longo de toda a vida, onde a EAFP ten coma obxetivo dar formación ás empresas e persoas que queiran reciclarse, profesionalizarse ou emprender.

Pola sua parte José Fariña, o director do curso de especialización, agradeceu a todos os alumnos que remataron polo seu esforzo e implicación e alentou ánimos e ilusión para os novos alumnos, na súa maioría traballadores da empresa BorgWarner.

Para despedir o evento, Manuel Ramos, acentuou o agradecemento á empresa BorgWarner pola súa implicación nesta aventura ao longo destes 4 anos, como un claro exemplo de éxito de colaboración entre empresa e universidade, e pola aposta da formación permanente.