O Claustro aproba o inicio dos trámites para a creación da Escola Aberta de Formación Permanente

Nesta sesión, o Claustro aprobou a creación da Escola Aberta de Formación Permanente, un novo organismo a través do cal se xestionará toda a oferta de estudos propios da Universidade de Vigo, é dicir, aqueles que non sexan ensinanzas oficiais reguladas. Trátase de atallar un “déficit importante na atención deste tipo de formación” e dotar á institución dunha estrutura organizativa que reverta “a situación actual de dispersión organizativa, normativa, decisoria e de xestión das diferentes actividades formativas non oficiais da nosa Universidade, o que permitirá materializar o obxectivo estratéxico de apertura a toda a sociedade mediante unha oferta de títulos propios coordinada, de calidade e adaptada á demanda”.

Deste xeito, a través da EAFP planificarase unha oferta de ensinanzas propias vinculadas ás necesidades e demandas da sociedade, complementando os estudos oficiais, deseñando programas educativos que favorezan a empregabilidade, a reciclaxe e a promoción profesional das persoas traballadoras, xerando convenios de formación con empresas ou institucións externas e detectando e atendendo as necesidades formativas do PDI da Universidade de Vigo. Tamén pasarán a entrar nesta estrutura os programas de actualización docente, que se viñan desenvolvendo a través da Área de Formación e Innovación Educativa e o Programa Universitario de Maiores.

María José Moure, profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación será a encargada de dirixir a EAFP, que terá a súa sede no edificio Ernestina Otero. A planificación presentada polo vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado prevé que a oferta inicial de cursos esté lista en setembro de 2021.

Ler a noticia completa no DUVI