As Redeiras dan acubillo desde hoxe á nova sede da UVigo no corazón da cidade

Unha parte do que orixinalmente foi unha praia entre dúas puntas rochosas e na que desde o século XII están documentados asentamentos de poboación, dedicada a actividades relacionadas co mar, acolle desde hoxe a nova sede institucional na cidade de Vigo da Universidade. Catro anos e medio de traballos de rehabilitación e construción dirixidos polo estudo de arquitectura Abalo Alonso e tres millóns de euros investidos pola Xunta de Galicia en tres pequenas vivendas de pescadores, situadas nos números 11,13 e 15 da praza do Berbés, permiten á UVigo dispor dun inmoble, no que desenvolver actividades académicas e institucionais no centro da cidade, onde quedara sen presenza, tras abandonar o edificio da antiga Reitoría da rúa Porto. Redeiras é o nome co que a institución académica acordou denominar a súa nova sede e co que quere dar visibilidade ao traballo desenvolvido por este colectivo profesional totalmente feminizado e que, xunto a escabicheiras, regateiras e vendedoras de peixe, poboaron durante séculos a paisaxe do Berbés, facendo posible co seu labor, non só o desenvolvemento da zona, senón o de toda a cidade de Vigo.

Logo do inicio das obras en decembro de 2016, este luns tivo lugar a inauguración do inmoble, presidida polo titular do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Vigo, Abel Caballero e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. No acto de inauguración, ao que ademais do equipo de goberno da Universidade, asistiron diversas autoridades en representación dos gobernos autonómico e local, ademais de representantes doutras institucións, o presidente da Xunta asegurou que “o edificio que hoxe entregamos á UVigo é un forma de acreditar un modelo de goberno, que é intentar ser útil á sociedade”, recuperando un edificio singular, nun lugar emblemático, “onde naceu a cidade de Vigo”. Núñez Feijóo lembrou que o inmoble localizado nos números 11,13 e 15 da praza do Berbés, ocupa unha superficie de 1450 metros cadrados e nel se investiron máis de 2 millóns de euros na obra, aos que suma algo máis dun millón do custo dos tres edificios, que agora conforman a sede institucional. “Son 3 millóns de euros que van incrementar de xeito exponencial a imaxe de Vigo, a accesibilidade da ensinanza universitaria e o patrimonio das institucións, neste caso o patrimonio da UVigo”, dixo o presidente da Xunta, que gabou o traballo desenvolvido polo estudo de arquitectura Abalo e Alonso, “uns excelentes arquitectos”, cuxo traballo nesta sede foi recentemente escollido como unha das 70 rehabilitacións finalistas na Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo. Feijóo, para quen esta sede é un exemplo de colaboración institucional, tamén destacou a sostenibilidade do inmoble, cunha redución de emisións de CO2 “e unha completa sinerxía coa aerotermia, que é unha forma barata de produción frío e calor nas rías, dado que as diferenzas de temperatura non son bruscas”, explicou.

Ler a noticia completa no DUVI