A UVigo porá en marcha un curso avanzado de posgrao en eficiencia enerxética en rehabilitación de edificios

Será en modalidade virtual tanto para profesionais do sector como para alumnado de enxeñaría

En España existe un importante parque de construcións antigas edificadas segundo uns principios pouco sostibles e iso abre un amplo abano de posibilidades no eido da rehabilitación, en aspectos como actuacións na envolvente do edificio, nas instalacións enerxéticas e na xestión, medidas todas elas que poden axudar a mellorar a eficiencia enerxética dos inmobles. Para actualizar os coñecementos que os profesionais da enxeñaría teñen neste eido e ampliar a formación dos estudantes que están a piques de rematar o grao, a Universidade de Vigo aprobou a posta en marcha dun curso avanzado de posgrao en eficiencia enerxética en rehabilitación de edificios.

A formación impartirase en modalidade virtual a través de Campus Remoto entre o 14 de xaneiro e o 25 de febreiro, con dúas clases semanais os venres pola tarde e os sábados pola mañá. O curso, que oferta 32 prazas, insírese na oferta formativa da Escola Aberta de Formación Permanente, onde se centralizan as ensinanzas propias da UVigo que responden ás necesidades e demandas da sociedade e complementan os estudos oficiais.

Ler a nova completa no DUVI