Entregaranse sete galardóns ás mellores traducións realizadas no 2022
“Un encontro especial no que se recoñecerá o traballo e o talento dos profesionais dedicados á localización dos videoxogos”. Así será segundo os seus impulsores a cerimonia de entrega de galardóns da II edición dos Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos, un acto que, por segundo ano consecutivo, volverá converter a Vigo en capital da industria do entretemento dixital, en xeral, e, máis concretamente, do ámbito profesional da localización de videoxogos, a adaptación de cada un dos xogos a unha lingua e cultura determinada. Será mañá venres ás 17.00 horas no edificio Redeiras, coa asistencia, entre outras autoridades, do reitor, Manuel Reigosa; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero.
Entregaranse galardóns en sete categorías: mellor localización de videoxogo sen dobraxe, mellor localización de videoxogo con dobraxe, videoxogo máis accesible e mellor localización de videxogo en galego, catalán e éuscaro. “Cada ano entran a concurso todos os videoxogos lanzados durante o ano natural anterior, neste caso o 2022. Primeiro faise unha fase de votación pública na que a xente pode votar os seus traballos favoritos. De aí saen dez nominados por categoría que, na segunda fase, un xurado composto por alumnado do ETIV reduce a tres finalistas”, explica Emmanuel Bourgoin, codirector, xunto con Óscar Ferreiro, Ramón Méndez e José Yuste do Título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, ETIV, e equipo impulsor…