A Escola Aberta

A creación da Escola Aberta de Formación Permanente da Universidade de Vigo materializouse no Claustro da Universidade de Vigo celebrado o 16 de outubro de 2020 co obxectivo estratéxico da apertura da formación permanente á sociedade mediante unha oferta de títulos propios coordinada, de calidade e adaptada á demanda co fin último de xerar novas oportunidades profesionais e persoais.

A EAFP xestiona unha oferta de ensinanzas propias vinculadas ás necesidades e demandas da sociedade, complementando os estudos oficiais, deseñando programas educativos que favorezan a empregabilidade, a reciclaxe e a promoción profesional das persoas traballadoras, xerando convenios de formación con empresas ou institucións externas e detectando e atendendo as necesidades formativas do persoal docente da Universidade de Vigo.

 

 

Obxectivos

  • Deseñar programas educativos que favorezan a empregabilidade, a reciclaxe, o emprendemento e a promoción profesional dos traballadores e traballadoras de acordo coas demandas sociais actuais. Estes estudos propios deben responder aos novos ámbitos de especialización con posibilidades de aplicación profesional.
  • Complementar os estudos oficiais proporcionándolles ao estudantado ou ás persoas egresadas competencias ou as habilidades que non son cubertos polos devanditos estudos.
  • Favorecer os convenios de colaboración educativa con outras institucións e os vínculos co sector empresarial para a formación continua dos traballadores e traballadoras.
  • Favorecer a innovación educativa e deseñar programas de formación do persoal docente da Universidade de Vigo e do persoal docente externo.
  • Formar as persoas maiores.
  • Impulsar programas formativos que promovan a igualdade entre homes e mulleres, a protección da diversidade e a inclusión social.
  • Flexibilizar o ensino permanente de acordo coas expectativas,  intereses e necesidades de cada estudante.

Funcións

  • Colaborar cos departamentos, cos centros, cos institutos, cos servizos ou con outros órganos da Universidade de Vigo para crear, promover e desenvolver títulos propios ou programas específicos de formación permanente.
  • Analizar de forma constante as necesidades formativas da contorna social e empresarial a partir do contacto co estudantado, co persoal propio, coas persoas egresadas, cos colectivos, coas institucións ou coas empresas.
  • Actuar como promotora e como centro organizador de programas de formación permanente transversais e multidisciplinares. Favorecer a relación con entidades ou con universidades externas para asinar convenios de colaboración educativa no ámbito da formación permanente.
  • Difundir e publicar unha oferta formativa coordinada e actualizada. Potenciar a difusión da oferta académica nas redes sociais. Internacionalizar os servizos para captar estudantado estranxeiro no ámbito da formación permanente.
  • Realizar propostas de actualización do regulamento e dos procedementos relacionados cos programas de formación permanente da Universidade de Vigo.
  • Proporcionar asesoramento para a solicitude de títulos propios e para todos os trámites relacionados coa formación permanente da Universidade de Vigo. Elaborar guías de axuda para as persoas solicitantes.
  • Desenvolver e actualizar a imaxe corporativa para os programas de formación permanente da Universidade de Vigo.
  • Xestionar as instalacións e os recursos da Universidade de Vigo dedicados á formación permanente.
  • Colaborar coa Comisión de Estudos Propios para a supervisión da calidade da formación impartida e do propio funcionamento da EAFP. Xestionar as reclamacións e as queixas relacionadas cos programas de formación permanente.
  • Colaborar na elaboración dos procedementos para o recoñecemento de créditos entre titulacións propias e oficiais.
  • Potenciar as metodoloxías e as ferramentas de innovación docente a través dos cursos de formación do profesorado. Favorecer os grupos de innovación docente dentro da Universidade de Vigo.
  • Colaborar con outros centros de formación permanente nacionais e internacionais. Ter un papel activo nas redes nacionais e internacionais de formación continua.
  • Elaborar e aprobar un informe anual das súas actividades e proporcionar a información necesaria para a súa publicación no portal de transparencia da Universidade de Vigo.