15 persoas con discapacidade poderán formarse na segunda edición do Programa universitario para o emprego e a vida autónoma

O período de preinscrición remata o 28 de outubro

90%. Esta é, segundo a ONCE, a porcentaxe de mozos e mozas galegas, uns 8400, de entre 16 e 29 anos, con algún tipo de discapacidade, que non ten emprego, aínda que o 15% deles e delas está na procura activa dun posto de traballo. A media galega supera, ademais, amplamente a porcentaxe nacional de mozos e mozas con discapacidade que carece de emprego, que se sitúa no 65%. Co obxectivo de proporcionar unha formación universitaria a mozos e mozas con discapacidade, enfocada a mellorar a súa autonomía e a súa preparación laboral, a UVigo puxo en marcha o curso pasado, en colaboración coa Asociación Down Vigo, o Programa universitario para a o emprego e a vida autónoma, unha iniciativa na que participaron 12 estudantes, durante varios meses recibiron unha formación interdisciplinar, impartida por persoal docente e investigador da UVigo e profesionais de Down Vigo. “Obtivemos moi bos resultados na primeira edición, que considerabamos un piloto. Todas as persoas participantes avaliárono moi positivamente, incluídas as entidades que acolleron as prácticas do estudantado e a propia ONCE”, detalla a vicerreitora de Benestar, equidade e diversidade, Maribel Doval, que lembra que a UVigo, como entidade empregadora, titorizou as prácticas de varios estudantes, “con excelentes resultados para todas as persoas implicadas”.

Logo da positiva experiencia acadada na primeira edición, a UVigo, en colaboración con Down Vigo, e por vez primeira, con Down Ourense, abre o prazo de inscrición para a segunda edición do Programa universitario para a o emprego e a vida autónoma, no que poderán participar un máximo de 15 persoas con discapacidade intelectual, que recibirán nos campus de Vigo e Ourense, formación interdisciplinar para mellorar a empregabilidade, as competencias sociolaborais e favorecer a inclusión

Ler a nova completa no DUVI