12 persoas con diversidade intelectual adquiren na UVigo competencias para o emprego e a vida autónoma

Con 670 horas de docencia teórica e 50 de prácticas en empresas que se desenvolven de outubro a xuño

Co obxectivo de consolidarse como unha Universidade aberta, flexible e inclusiva UVigo está a poñer en marcha, baixo o paraugas da Escola Aberta de Formación Permanente, cursos complementarios abertos a todos os colectivos da cidadanía. Unha das principais novidades deste ano académico 2021-2022 é un título propio destinado a persoas con diversidade intelectual, o primeiro deste tipo que se pon en marcha da Universidade viguesa. Este martes o reitor recibiu aos seus 12 estudantes que, ata o mes de xuño, asistirán diariamente a clase no campus vigués co obxectivo de aumentar a súa autonomía, mellorar a súa formación académica e adquirir diferentes habilidades e competencias para potenciar a súa inserción laboral.

Esta iniciativa inclusiva, como explicou o reitor, Manuel Reigosa, no acto de benvida, é o resultado do traballo desenvolvido polas vicerreitorías de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e de Ordenación Académica e Profesorado, xunto coa Asociación Down Vigo que, a través do Programa ALIDA, busca dar resposta á necesidade formativa de ámbito superior para as persoas con diversidade intelectual que finalizan a etapa de escolarización obligatoria. “Estamos moi contentos de tervos aquí connosco porque somos dos que pensamos que a Universidade ten que ser aberta, igualitaria, inclusiva e aspirar a unha sociedade máis xusta”, explicaba o reitor, que agradeceu o apoio da Fundación ONCE.  Pola súa banda, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, dirixiuse ás e aos alumnos para explicarlles que ao longo da súa formación van “aprender moitas cousas importantes para a vida e para conseguir un bo traballo cando rematedes” e lembroulles que durante estes meses terán a ocasión “de coñecer os estudantes da nosa Universidade e os nosos profesores e profesoras que vos impartirán seminarios, charlas e obradoiros”. Estes 12 estudantes tamén realizarán visitas aos centros de investigación da UVigo, onde poderán coñecer “as cousas incribles que os investigadores e investigadoras fan en beneficio da sociedade” e visitarán os campus de Pontevedra e Ourense. José Manuel García, presidente de Down Vigo, agradeceu tanto a implicación da Universidade como a dos profesionais da asociación para sacar adiante este proxecto e cualificou como un “fito moi importante” que estes estudantes se poidan forman cun título propio da Universidade de Vigo, “estou convencido de que o van aproveitar con todo o entusiasmo que normalmente poñen en todo o que fan”.

Ler máis no Duvi